Monday 29 de April de 2024

O programa CoidarNos celebrou o seu quinto aniversario cun emotivo acto


Descubriuse na Carballeira de Rodiño unha placa conmemorativa

O programa CoidarNos, grupo de apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia do Concello de Boqueixón, celebrou onte o seu quinto aniversario cun acto moi especial. A cita desenvolveuse na Carballeira de Rodiño e foi presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, e contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Ana María Seijo, e do edil de Economía, José Manuel Iglesias.

A xornada celebrouse coincidindo coa sesión mensual do programa. Como conmemoración deste lustro de andaina, descubriuse unha placa que xa loce na Carballeira de Rodiño en homenaxe a todas as persoas coidadoras. Nela, pódese ler o seguinte lema: Boqueixón medra ao CoidarNos. Deste xeito, dáse ao Concello un selo en recoñecemento ao seu compromiso cos coidados.

A concelleira de Servizos Sociais aproveitou a súa intervención para facer fincapé nos beneficios que este programa reporta a todas as persoas usuarias. Tamén lembrou a primeira sesión deste grupo de apoio e puxo en valor a súa aportación á veciñanza ao longo destes anos.

Ademais, Ana María Seijo destacou o labor realizado polas dúas coordinadoras de CoidarNos –Ana Anta, traballadora social, e Yolanda Neira, psicóloga do CIM- durante este lustro. Un traballo grazas ao cal colleitaron diversos recoñecementos tanto a nivel autonómico como nacional.

Pola súa banda, as coordinadoras de CoidarNos destacaron a evolución do grupo nestes cinco anos. Ao tempo, agradeceron ás persoas participantes todo o que lle levan brindado neste tempo, facendo posible o seu crecemento persoal e profesional. As persoas coidadoras tamén transmitiron emocionadas o seu agradecemento ás dúas profesionais polo seu bo facer.

A celebración do quinto aniversario de CoidarNos completouse coa actuación da artista local Marina Vidal Míguez. Tocou e cantou varias pezas do repertorio tradicional e mesmo adaptou unha copla para rendir homenaxe ao programa: “Para CoidarNos, CoidarNos, lévame o meu corazonhe, para CoidarNos, CoidarNos, para outro lado nonhe”.